Sunday 05 de May de 2024

Medio cento de persoas participan na homenaxe a Juan López Villasante, quen estivo 33 anos como médico en Frades


O restaurante O Cadaval acolleu na tarde de onte domingo un xantar-homenaxe a Juan López Villasante, médico no municipio durante 33 anos. Unha homenaxe, promovida por Encarnación Sánchez Meijide e Aurora Patiño Rial en colaboración co Concello de Frades, que reuniu a máis de cincuenta persoas.

O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, fíxolle entrega a Juan López Villasante, quen estivo acompañado da súa dona e dunha das súas fillas, dunha placa conmemorativa dos seus 33 anos como facultativo no municipio. Pola súa banda, o concelleiro de Sanidade, Manuel Ferreiro Marzoa, agradeceulle que permanecera tantos anos en Frades e transmitiu a súa “tristura pola perda dun bo profesional”, ao tempo que lle desexou o mellor nesta nova etapa da súa vida na que “agardamos que leve sempre a Frades no seu corazón”.

Finalmente, Juan López Villasante agradeceu tanto ás promotoras coma ao Concello a realización deste xantar homenaxe e tivo palabras de recordo para os maiores aos que atendía, para María Elena Casas Mirás, practicante en Frades os últimos 39 anos e que tamén se xubilou en xaneiro deste ano, así como “a toda a xente de Frades que me axudou a ser mellor persoa”.